2/5/11

Marcos Lema, candidato de Converxencia XXI na Coruña, responde ás nosas preguntas sobre o barrio

Dende a Administración deste blog, coa colaboración de varios veciños, elaboramos unha serie de preguntas para que sexan respondidas por algúns dos candidatos á Alcaldía da Coruña, principalmente preguntamos aos partidos pequenos porque aos grandes xa todos os coñecemos ben.

As preguntas están basadas nas principais queixas, demandas e comentarios que nos foron chegando ao blog durante os últimos anos. Comezamos hoxe con Marcos Lema, número 1 da lista de Converxencia XXI:


1.- Que opina sobre a rehabilitación das vivendas da Sagrada Familia? Posto que existen polo barrio moitos edificios abandonados (e algún en estado ruinoso), cre que é un exemplo a seguir noutras zonas do barrio ou da cidade? Que faría coas dúas zonas máis abandonadas polo Concello no barrio? O Agra dos Mallos e a rúa Iberia.

Estamos a favor da rehabilitación. Penso que foi unha boa iniciativa que axudou en parte a rexeneración urbanística da zona e si que sería ser aplicable a outras zonas. Actualmente parece que se fomenta a construción de novos polígonos residenciais nas aforas da cidade, pero non se ten en conta que se poderían utilizar vivendas rehabilitadas para aluguer, sobre todo para os xóvenes que se queren independizar, e que darían maior vida e dinamismo aos barrios.


2.- Moitos veciños piden constantemente a reforma do túnel de San Jaime e a Avenida dos Mallos, esta última é sobre todo unha petición dos comerciantes.. Que intentaría facer vostede?

O plan de axustes orzamentarios que propoñemos permitiría esta e outras reformas realmente reclamadas polos veciños. Hai que busca-lo xeito de adecentar o Túnel de San Jaime, ao igual que outros moitos recunchos da cidade que se atopan no mesmo estado, e facelo máis atractivo en prol do cidadán e do comercio do lugar.


3.- Estamos comezando a terceira reforma da única rúa peonil dos Mallos, Ángel Senra, a segunda reforma nesta lexislatura que remata.. cal é a súa opinión sobre a historia desta rúa? Algúns din que é unha rúa gafe.

Os erros, na meirande parte dos casos, veñen dados por unha mala ou incorrecta primeira planificación. Habería que sentarse para ver os erros cometidos e as necesidades reais desa rúa. Cómpre facer un bo deseño da rúa que favoreza aos cidadáns e ao comercio do lugar, que é principalmente un dos obxectivos que se buscan peonalizando as rúas, e levalo a cabo para que perdure no tempo e, así, non haxa que volver a modificala prexudicando de novo aos cidadáns e comerciantes do lugar.


4.- Os principais problemas de barrio, igual que no resto da cidade, son a falta de aparcamento, a dobre fila e os coches mal estacionados que impiden o normal tránsito de vehículos e persoas. Cales son ás súas propostas para intentar solucionar este problema?

Os problemas de estacionamento no Barrio dos Mallos é sen dúbida un dos maiores problemas para o barrio e arredores. O mal deseño do barrio non permite habilitar máis prazas de aparcamento superficial. Recoñecemos que o deseño urbanístico destes barrios fai moi difícil solucionar este problema e pensamos que está relacionado co deficiente sistema de transportes. No noso programa apostamos forte polo transporte colectivo, cun metro lixeiro con tramos soterrados no casco urbano.


5.- O Goberno Local actual pensa seriamente en poñer a ORA na zona dos Xulgados, cal é a súa opinión sobre este asunto? Solucionaría os problemas de aparcamento nesta zona?

Primeiramente quixera dicir que estamos totalmente en desacordo con este afán recadador dunha corporación a todas luces despilfarradora. Un dos proxectos que contemplamos, é a necesidade de concentrar todos os temas xudiciais nun área, nunha Cidade da Xustiza, ben conectada co transporte público. O espazo baleiro resultante pode quedar para outros usos terciarios.


6.- Un dos mellores exemplos do caótico estado de tráfico que se vive moitas veces na cidade o temos no mesmo centro do barrio, o cruce da Avenida de Arteixo coa Ronda de Outeiro é unha continua dor de cabeza para a maior parte de conductores.. Cales son ás súas propostas para intentar solucionar este tipo de problemas?

Sempre estes temas habería que falalos con técnicos especialistas da materia. Eles son os que poden dar unha mellor visión a estes problemas. En todo caso, eu creo que na medida en que se avance unha verdadeira e completa rede de transporte público metropolitano, a fluidez do tráfico rodado tenderá a baixar. Porque desenvolver solucións que tendan a consolidar o transporte privado (coche) seguirán a deshumanizar rúas como a Ronda de Outeiro, xa de por si sobrecargada.


7.- As principais queixas no barrio sobre transporte público son polas frecuencias dos buses, en Vioño quéixanse de que teñen en xeral un mal servicio e na Sagrada Familia se di que son o único barrio da cidade que non é atravesado por algún bus urbano. Cal é a solución para mellorar o transporte público no barrio e na cidade? Instalaría carril bus pola Ronda de Outeiro ou por algunha das rúas do barrio? Por que?

O que Converxencia XXI propón para A Coruña é un sistema de metro lixeiro en superficie nas zonas da cidade onde isto é posible, como avenidas amplas e nas aforas, e zonas de metro soterradas no casco urbano, onde levar o metro lixeiro en superficie causaría moitos máis prexuízos. A pesar do seu custo económico, a súa rendibilidade social é enorme. Agora todos falan do AVE, pero o AVE, sendo moito máis custoso, ten unha rendibilidade social moi baixa. De que nos vale chegar en 3 horas a Madrid se moitas veces chegar dunha punta a outra da cidade leva 1 hora? É fundamental vertebrar a cidade cun servizo rápido, barato, non contaminante e que non cause máis problemas de circulación, como nalgúns casos o carril bus. Apostamos por unha liña de metro soterrada que circule paralela e por debaixo da Ronda de Outeiro, con paradas cada 500 metros.


8.- Que opinión lle merecen as infraestructuras públicas do barrio? Algunhas delas serían o Centro Cívico Os Mallos e Sagrada Familia, Biblioteca Sagrada Familia, Pavillón polideportivo do CEIP Sagrada Familia, Polideportivo da Sardiñeira, Colexios, institutos... Os novos veciños de Vioño piden unha escola e unha igrexa mais, e algo moi demandado polos veciños en xeral é a instalación de Guarderías municipais, que opina?

Os centros cívicos é unha das grandes cousas que ten A Coruña a nivel social e cultural. No noso programa xa se contempla unha dinamización e coordinación de todos os centros cívicos da cidade. O Polideportivo da Sardiñeira ten unha boa relación calidade prezo, quizais por iso sempre está cheo e ás veces resulta bastante agobiante, sobre todo o ximnasio. É necesario un estudo con vistas a amplialo. Para temas municipais, como garderías municipais, ofrecemos a posibilidade do bono para garderías. Sobre todo son importantes nos barrios de nova creación, como Vioño, onde maiormente viven parellas que comezan unha vida xuntos e comezan a ter fillos.


9.- Como loitaría contra a "caída libre" na que está agora mesmo metido o pequeno comercio?

O pequeno comercio, e máis nun barrio como Os Mallos, depende en boa medida da demanda interna que se xere da dinámica do propio barrio. Logo tamén recibe unha parte dos seus ingresos de visitantes de fóra do barrio. Esta é quizais a parte máis importante, porque se ben a demanda interna tende a ser constante, onde se marca a diferenza é atraendo consumidores doutras partes da cidade ou área metropolitana. Actualmente, moitas das zonas do barrio dos Mallos están bastante degradadas, e a pesar de ser un barrio cruzado por unha das arterias vitais da cidade, como a Ronda de Outeiro, as súas rúas non invitan a entrar en moitas partes do barrio, porque a propia configuración urbanística exerce un impedimento á interacción co resto da cidade. E logo, en conexión coa pregunta 7., tamén inflúe o tema do transporte público. Se un barrio determinado non ten transporte público, estase cortando a conexión dese barrio co resto da cidade, impedindo a interacción dos cidadáns. A vantaxe que ten o comercio dos Mallos, é que xa está asociado. Distrito Mallos é unha das asociacións de comerciantes máis asentadas na cidade, con case 15 anos. O traballo debería ir por aí. O único que pode facer a administración é dar vantaxes, do tipo fiscal para nós é importante, e ofrecer cursos aos comerciantes para ter coñecementos de marketing etc.


10. - Que faría para loitar contra a inseguridade cidadá que moita xente di sentir?

As forzas da orden son as encargadas de velar pola nosa seguridade. A obriga da administración é dotar a estas forzas dos mellores recursos e dotacións para o desempeño das súas funcións. Na medida en que somos un partido que aposta fortemente pola modernización, nomeadamente da administrativa, é fundamental a modernización da Policía Local apoiando a implantación de novas tecnoloxías para posibilitar a presenza de máis axentes na rúa e menos nos despachos sen perder eficiencia nos tramites administrativos e sen aumentar custos.


11 .- Ten algún tipo de programa especial para a eliminación total das barreiras arquitectónicas na rúa? Beirarrúas sen rebaixar ou mal rebaixadas, adoquines que dificultan o tránsito de sillas de rodas, vehículos aparcados en zonas de paso ou estacionamento para minusválidos, etc..

Primeiro habería que facer un estudo das barreiras existentes en todo o barrio dos Mallos, e nos do resto da cidade. E logo fixar un orzamento municipal para levar a cabo estas obras, que son verdadeiramente as importantes. Parécenos incrible que non se aproveite para mellorar este aspecto da cidade coa de cartos que se están gastando en obras chamadas de "humanización".


12.- Pregunta obrigada: Algunha idea ou proposta para loitar contra o paro?

No programa de Converxencia XXI na Coruña xa vai en marcha un Plan de Reinserción Laboral dos Desempregados de Longa Duración en colaboración con outras administracións. Pero como se xera emprego de novo é algo máis estrutural. É fundamental rematar co afogamento fiscal ao que teñen sometidos aos cidadáns españois e galegos. A solución da crise non pasa porque o Estado teña máis diñeiro, senón porque as familias e as empresas teñan maior renda para as súas necesidades e para investir. Este é o verdadeiro motor da economía. Desde o concello o único que podemos facer é darlle oportunidades ao emprendemento, desde o concello rebaixaremos e incluso eliminaremos os impostos a autónomos e pequenos comerciantes. 


Resumo das liñas básicas do programa:

En liñas xerais, Converxencia XXI avoga por reducir a carga impositiva a cidadáns e empresas, porque o diñeiro debe estar sempre nas familias e nas empresas, e non na administración pública, que non sempre o gasta como debera. Para nós, como partido liberal e de centro, é esencial un pequeno e mediano comercio fortes e diversificados, fundamental para unha clase media forte e acomodada, que é sempre garante dunha estabilidade política e económica nas democracias avanzadas. Fomentaremos parques tecnolóxicos, para aumentar a renda dispoñible dos cidadáns (mellores soldos e menos impostos, máis renda para gastar, máis beneficios do pequeno comercio, máis ingresos nas arcas públicas (aínda reducindo impostos), no que se coñece como círculo virtuoso económico), apostaremos polas novas tecnoloxías na xestión municipal para mellorar a eficiencia e reducir custos. A materia económica e fiscal é un dos nosos puntos fortes do programa, e tamén onde máis nos diferenciamos do resto de partidos. 

Para finalizar quixera agradecer profundamente ao blogue dos Mallos a oportunidade sincera que me brindaron para dar a coñecer o proxecto de Converxencia XXI na cidade da Coruña. Unha aperta moi grande!

Para unha información máis detallada das propostas de Converxencia XXI na Coruña, contactar co candidato: Marcos Lema Rodríguez
E-mail: mlr@converxencia.eu
facebook: http://www.facebook.com/marcoslemarodriguez
twitter: http://twitter.com/#!/Marcos_Lema
Web CXXI: http://www.converxencia.eu/

Ver artigo especial neste blog sobre as: Eleccións Municipais 2011

0 Comentarios

Publicar un comentario en la entrada

**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.

Blog Barrio dos Mallos 2013. Template by Dicas Blogger.

|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__| TOPO