San Xoán no Barrio da Sagrada Familia, Os Mallos e Estación
Unha das cousas máis típicas do San Xoán coruñés é esa bonita tradición de que os clientes habituais dun negocio adoitan estar invitados a tomar as sardiñas xunto coa consumición, mesmo nalgún lugar, todos os asistentes á sardiñada (incluídos os clientes non habituais) están convidados ás sardiñas. No barrio tamén acontece así nalgúns locais. Segundo se achega a data sinalada, é normal ver como algúns bares e cafeterías van invitando os clientes habituais a acudir á sardiñada de San Xoán, non se di nada, pero queda claro que o cliente está invitado ás sardiñas; o que non é cliente terá que pagalas, pero tamén gozará da festa. Noutro lado están aquelas sardiñadas nas que por un módico prezo tes dereito a un bo prato de sardiñas ou churrasco, pan e bebida. Algúns destes lugares, como acontece nun local da Sagrada Familia, esixen anotarse con anterioridade para poder participar.Son habituales as sardiñadas en lugares como a Avenida da Sardiñeira onde se fai unha grande celebración ao lado do muro da estación de tren, tal e como nos conta unha veciña: "moito ambiente festivo na rúa da Sardiñeira, un par de bares poñen en fronte (na beirarrúa do muro do recinto da estación), grellas e ascuas, e asan sardiñas, sobretodo mozos e tamén homes de mediana idade; vese que son clientes habituais dos bares".
Podemos tomar sardiñas acompañadas de Gaiteiros na R/ Europa, da Coral da Federación de Veciños na R/ Francisco Tettamancy e fan festa ata altas horas da madrugada na R/ Borrallón. E non pode faltar nesta lista unha das máis animadas e concorridas sardiñadas do barrio, a da Praza Monforte, da que unha veciña nos di: "Este ano eu estiven na sardiñada do Chaflán, e quedei flipada coa que montan, super divertido, e con moitísima xente, estivo xenial." Durante os últimos anos sempre houbo algunha sardiñada, con grande éxito de participación, nalgunha destas rúas: Eugenio Carré Aldao, Angel Senra e arredores, Eusebio da Guarda e dependendo do ano, varias na Rolda de Outeiro, Avenida dos mallos e na Avenida de Arteixo.
Son tradicionais tamén as que sempre fan na rúa San Jaime (de grande afluencia preto da Rolda de Outeiro, onde hai que apuntarse con anterioridade) e en Sargento Provisional, nos arredores da Pista Verde. O progreso, a construción e as continuas reformas do barrio non xogaron a favor desta festa. Na zona de San Jaime, nas rúas interiores entre a Avenida de Arteixo e a propia R/ San Jaime, había unha gran celebración con sardiñas e cacharelas, grandes mesas e cadeiras que permitían gozar da festa a un bo número de veciños, pero as obras de rehabilitación da Sagrada Familia que teñen lugar dende hai uns anos, reduciron esta celebración á mínima expresión, e só algunha vez nos últimos anos repetiuse.
Nesta zona tamén foi a menos a gran cacharela que se realizaba sempre no solar da Avenida de Arteixo esquina R/ Pontedeume, debido ao peche do solar cunha valla, aínda que nos últimos anos, uns cantos atrevidos decidiron non respectar a valla e pasaron igual ao interior para celebrar o San Xoán. A urbanización de Vioño ten a culpa da desaparición da gran sardiñada que tiña lugar no lateral que dá á Rolda de Outeiro, xusto en fronte da R/ Ntra. Sra. de Fátima. Cacharelas, sardiñadas e moita xente reuníase aquí ata altas horas da madrugada.
Tamén desapareceu outra gran celebración de tempos pasados na praza Padre Rubinos, tal e como nos conta unha veciña: "de nena celebrábao "na Ronda" o que hoxe en dia é a praza de Padre Rubinos, e teño uns recordos moi entrañables daquela época, pois nos pasabamos días "carretando leña" para a lumerada, e vixiando que non viñesen a roubala os doutras lumeradas, jejejjejej."
Hai un dato en contra desta festa e é que ao día seguinte moitos temos que madrugar, ao non ser o día 24 festivo. Por este motivo e cando a celebración coincide pola semana, son moitos os locais que deciden trasladar a festa ao venres ou sábado máis próximo, repartíndose así as celebracións en tres días: os que deciden facela o propio día vinte e tres e os que o fan o venres ou sábado máis próximo.
*Artigo escrito polo Blog Barrio dos Mallos coa colaboración de varios veciños, publicado recentemente pola revista "Hogueras 2009".














Publicar un comentario en la entrada
**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.