Temporal, viaducto e cambios de tráfico
¡Vaia fin de semana o que pasou! O temporal destes días será lembrado durante bastante tempo. Poucas veces se pode ver a Ronda de Outeiro e o resto do barrio completamente ás oscuras, na madrugada do pasado venres ao sábado pasou un par de veces, momentos nos que se foi a luz na maior parte da cidade. No blog seguimos o temporal da mellor forma que puidemos en "vivo e en directo", a pesar dos continuos cortes de luz e gracias á axuda que recibimos por uns cantos veciños.É curioso ver o proceder da xente nestes casos, xa que non toda marchou para casa a resgardarse, houbo moitos que andaban pola rúa a pesar do risco existente. Chama a atención a cantidade de xente que había en varios bares do barrio (incluso durante os apagóns) a unhas horas nas que estar na rúa era de todo menos seguro, en cambio, outros establecementos pecharon as súas portas moito antes do horario de peche habitual.
Pero listillos hainos en todas partes e en calquera momento, aproveitando a confusión do temporal e o caos dos apagóns, uns personaxes intentaron roubar nunha peluquería da rúa Eusebio da Guarda golpeando con utensilios de obra a porta de cristal. O cristal era ben duro, e despois de moitos e ruidosos golpes, os veciños remataron por descubrir o que estaba a pasar e chamaron á policía.
Pero tanto temporal na boca de todo o mundo fixo pasar algunhas noticias do barrio un tanto desapercibidas, como son a reordenación do tráfico e a non eliminación do viaducto da Ronda de Nelle. O Alcalde anunciou que non se tirará o viaducto ata que a 3ª Ronda esté en funcionamento, é dicir, mínimo finais de 2011, así que despois de maquetas, discusións, estudios de tráfico, enfrontamento entre veciños e demais parafernalias, polo que se ve inútiles, a zona seguirá tal cual ata sabe Deus cando.
Outra das noticias importantes é a posible reordenación do tráfico na Ronda de Outeiro e nas Avenidas de Arteixo e Finisterre. Da Ronda de Outeiro preséntannos a supresión de todos os xiros á esquerda (o que foi unha inocentada deste blog a final do pasado ano convértese en realidade) e a posible implantación do Carril Bus en determinados tramos. ¿Non será demasiado cambio brusco facer estas dúas cousas á vez? O que está claro é que algo hai que facer, porque entre os xiros á esquerda e os coches aparcados en dobre fila, quédanos un único carril útil en varios tramos desta vía, que a determinadas horas a fan un suplicio cando hai que atravesala en coche ou en bus.
Da Avenida de Arteixo fálasenos de implantar unha rotonda na zona de Vioño, aínda que non se especifica en que lugar exactamente co principal fin de aliviar a rotonda da Grela. Podería ser unha boa idea porque serviría para cambios de sentido sen necesidade de ir ata a Grela, e os que veñen da rotonda da Grela poderían ir hacia Vioño sen ter que chegar ó cruce coa Ronda de Outeiro. Esperemos entón máis información.
Da Avenida Finisterre presentan a posibilidade de convertela en vía de sentido único entre ámbalas dúas Rondas, sen especificar aínda se o sentido sería de subida ou baixada. Isto faría cambiar tamén o sentido doutras rúas da Sagrada Familia ou do Agra para compensar o sentido que se perde e tamén habería que acomodar ás liñas 6 e 6A de bus urbano, xa que nun dos sentidos non poderían circular por este tramo.














Publicar un comentario en la entrada
**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.