16/11/08

E xa que falamos tanto últimamente de Angel Senra...

...teremos que aprender un pouco quen foi este home, que da nome á que se pretende que sexa a rúa central do noso barrio.

Empresario modelo e alcalde republicano, o Concello coruñés honrou o seu nome bautizando unha rúa situada na mesma zona onde estivo instalada a súa famosa fábrica de calzado.

Foi o primeiro alcalde que tivo a Segunda República na Coruña, ademais dun empresario modelo e unha persoa de talante liberal e ilustrado. Ángel Senra Fernández naceu en Santa Cristina de Barros (Noia) en 1860. Foi un industrial feito a si mesmo que, nun costume moi americano, empezou desde abaixo, traballando primeiro como aprendiz e despois como operario en Brión, Santiago, Ordes e Oza dos Ríos.

Pero foi no Burgo (Culleredo) onde estableceu o seu primeiro taller independente e onde contraeu matrimonio. De aquí trasladouse ao Portazgo e de alí a Monelos, facéndoo finalmente á Coruña, onde se estableceu na rúa da Alameda, pasando despois a San Andrés e o Cantón Grande. Foi neste último lugar onde instalou a súa primeira fábrica de calzado, a cal trasladaría, en 1912, a un local edificado nas hortas de Pernas, xunto ao denominado Camiño Novo (hoxe Juan Flórez). Durante a guerra europea iniciada en 1914, fixo numerosas subministracións ao exército francés. En 1924 montou unha gran fábrica de calzado na Parromeira, terreos próximos á máis tarde chamada estación de Santiago, ou de San Cristóbal.

Foi unha empresa modelo no seu xénero, tanto pola súa capacidade de produción polo trato amable e familiar aos seus traballadores, de acordo coas avanzadas ideas sociais que tiña o seu dono. A fábrica chegou a exportar ata mil partes de zapatos diarios, sendo unha parte importante da mesma para países suramericanos.

Tivo Ángel Senra Fernández unha parte activa na Cámara de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, da que foi durante moito tempo vicepresidente primeiro. Vello republicano, foi concelleiro, tenente de alcalde do Concello e alcalde accidental en diversas corporacións anteriores á do ano 1931. Cando en 1931 proclamouse a Segunda República na Coruña, Senra, que fora nomeado gobernador civil interino, foi elixido, por unanimidade, o 17 de abril, alcalde da cidade, substituíndo ao entón alcalde de idade, Antonio Lens.

Mantívose no cargo ata o 26 de agosto de 1931, momento en que presentou a súa dimisión por motivos de saúde, falecendo o 2 de abril de 1932 e constituíndo o seu enterro unha gran manifestación de duelo popular.

Hemeroteca La Voz de Galicia.

0 Comentarios

Publicar un comentario en la entrada

**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.

Blog Barrio dos Mallos 2012. Template by Dicas Blogger.

|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__| TOPO