Pepe Vaamonde, Gaiteiro dos Mallos
Entrevistamos a Pepe Vaamonde, un dos grandes gaiterios da nosa terra que viviu unha boa parte da súa vida no barrio dos Mallos, onde aínda vive a súa familia. Foi durante os 90 o gaiteiro máis premiado de Galicia e agora lidera o "Pepe Vaamonde Grupo", unha formación folk pensada principalmente para o directo e que cada vez goza de maior fama e coñecemento entre o público en xeral.A calidade como instrumentistas de cada un dos seus compoñentes, xunto coa forza emocional das súas composicións, forman un cóctel que os converte nunha das bandas de folk máis interesantes do momento.
Actuaron en escenarios tan importantes como o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), o Festival Intercéltico do Porto (Portugal), Festival Internacional de Ortigueira ou o Folkest (Italia).
O pasado 5 de agosto, na noite folk das Festas coruñesas, puidemos disfrutar do seu excepcional directo na praza de María Pita, onde actuaron despois Susana Seivane e os Gaiteiros de Lisboa.
Aquí vai a entrevista:
- Fai tempo que oíamos iso dos “irmáns Vaamonde, os gaiteiros dos Mallos”, aproveitamos agora para confírmar esas cousas que oíamos: ti es un dos famosos gaiteiros Vaamonde dos Mallos, ¿non si?
Pois sí!
- ¿De que zona dos Mallos eras?
Vivín dende os 5 anos até os 20 na R/ Xermán Taibo
- ¿Podes falar un pouco de cómo era a zona de rapaz?
De neno lémbrome de xogar no campo do marabillas que era de terra…xa choveu! Tamén de estar a Ronda de Outeiro cortada, pois había edificios antes de chegar a estación de trens, bo sitio tamén para pasar o rato de neno.
- ¿Algunha lembranza especial, curiosidade, anécdota digna de mencionar?
Os primeiros días de xullo, coincidía coa festa do meu pobo (Visantoña de Mesía) eran as festas que daquela eran de barrio. Unha verbena de orquestas e atraccións que a min me parecía enorme e impresionante. Estaba petado de xente i eu sempre quedaba abraiado do doado que paseaban os mozos de vioño…
- ¿Algunha gamberrada terás feito por aquí? ¿Pódese saber?
A verdade é que non me lembro de ningunha, mais seguro que as teño feito na zona da Sagrada e do Agra onde cursei a EXB e o Bacharelato.
- ¿Volviches ó barrio dende que marchaches da cidade? En caso de que si, ¿cómo o atopaches? ¿Mellor ou peor?
Agora meus pais viven na Avenida de Arteixo, perto de antes, e aquelo cambiou moito sobre todo a sardiñeira e vioño. A miña rúa non cambiou moito, nin San Luis, inda que me gustaría moito sair de viños pola zona para comprobalo ben.
- Tocas desde neno. ¿Como empezaches na música? Según temos entendido, estiveches na Coral e Rondalla San Rosendo.
Foi aí onde comezei aos sete anos a tocar a bandurria, e a escoitar a Xosé Casal dirixir a Coral e a Rondalla, así como a oila gaita…aquela gaita de Bao en sib na Marcha Alemana tocada con tanto carácter polo meu mestre. Algo despois estivemos cantando no coro, sendo unha experiencia marabillosa. Aos once anos coñecín a Jaime Vaquero, profesor de matemáticas e tutor gaiteiril durante un lustro. E aos quince anos fun gaiteiro de Aturuxo, grupo de baile folclórico de Coruña no que estiven até os vinte anos.
- Xurxo Souto escribe no seu libro “Contos da Coruña” un capítulo adicado o “Bar Los Claveles” da rúa San Luis no que aparece o seguinte fragmento: “O local alimentou tamén a creación artística. Aquí soltaron as primeiras repichocas dúas glorias dos Mallos, os irmáns Vaamonde, Suso e Pepe, os gaiteiros máis premiados de Galiza.” ¿Foi realmente así? ¿Tocabas a menudo neste local?
Durante moitos venres tocamos naquel marabilloso local, onde os novos gaiteiros que eramos sacabamos peito; meu irmán mais eu, Manuel, Nani, Blasco, Fran, Andres, María, Carmen…e tantos outros que facían foliada cada noite. Mentras Pepe “o dos Claveles” servía viño e berraba: VEÑA RAPACES!! Unha verdadeira festa.
- Levamos tempo oíndo iso de Pepe Vaamonde o gaiteiro máis premiado dos 90, cal deses premios tráeche mellores recordos.
O Pelegrín do 93 por ser o primeiro e ter a oportunidade de gravar un cd “Danza Prima” …e os tres “Constantino Bellón” por obrigarme a compoñer.
- ¿Cal é o concerto que lembras con maior cariño? ¿E o que máis che impresionou?
Con maior cariño, por cercanía, o do 5 en Coruña. Tamén o do ano pasado en Ortigueira.
- Nunha sociedade na que o “progreso” e as continuas novidades son o pan de cada día, ¿Que é o que fai que as tradicións sobrevivan?
A Sua beleza ten outro tempo, outra pausa mais levadeira. Evadirse da realidade adentrandose na música tradicional é divertido.
- ¿Que futuro lle agarda á gaita galega?
Como instrumento, un bon futuro, mellora técnicamente porque en xeral se estuda mais e mellor cada vez. Como símbolo dunha certa época ligada ao medio rural espero que tamén perviva…para min o xeito debe ser transmitido.
- Vostede participou na creación do “punteiro afinable”, para os que non sabemos moito sobre a gaita, ¿que é exactamente isto para acadar enseguida tanta importancia?
É un instrumento onde a afinación radica na sua lonxitude, estirase e encollese según precise sen necesidade de tocarlle á palleta, pois en vez de estar feito nunha peza, está feito en cinco anacos móveis. Rápido e cómodo, sen modificar a textura e o timbre do instrumento. Tamén estamos rematando unha copa que permite dar duas notas graves mais, mediante un xogo de chaves.
- ¿Como animaría vostede ós rapaces dos Mallos a interesarse pola música galega? ¿Qué lles diría?
Na vida o tempo podese ocupar de moitas e variadas maneiras…merece a pena probar e achegarse a música galega, esperar un pouco, e sentir a maxia do ritmo ancestral que todos levamos dentro.
- Por historia e tradición gaiteira no barrio non será, na praza Padre Rubinos existe unha placa homenaxe a outro gaiteiro dos Mallos, Leonardo Corral, ¿chegou a coñecelo?
Escoiteino un par de veces, de él decían que a gaita o facía medrar. O certo e que era un home pequeno, mais ao velo e escoitalo, un sentía toda a grandeza da gaita e do gaiteiro.
- ¿E xa para rematar, que lle parece a idea que levamos adiante no seu momento de crear o Blog do barrio?
Non a coñecía e pareceme ben pois a min polo menos, serviume para votar memoria a andar e pasar un bon rato.
- En días pasados, estivemos disfrutando no concerto da praza de María Pita pero, ¿cando nos sorprenderá Pepe Vaamonde cunha visita ó Barrio dos Mallos, por suposto, acompañado da gaita?
Non o sei haberá que visitar as tabernas a ver, jeje
- Moitísimas gracias por atendernos.
Vídeo da actuación en María Pita o 5 de Agosto:
Vídeo da canción Aires de Montillón:
Podes visitar a súa páxina web aquí:
www.pepevaamondegrupo.com














Publicar un comentario en la entrada
**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.