14/04/08

A Historia do Barrio a través da Parroquia de San Rosendo

Hemeroteca La Voz de Galicia.

As parroquias urbanas non poden exhibir o pouso centenario das rurais, pero ás veces son como unha hiedra nova na que se entretexen a relixión e a vida. Como a parroquia de San Rosendo. Unha exposición de fotografías mostrou fai uns anos que unha parroquia non é só un lugar para rezar, senón unha testemuña da historia dun dos barrios emblemáticos da Coruña -a Sagrada Familia- e da vida dos seus habitantes.

A historia comeza o 31 de outubro de 1951. O arzobispo de Santiago, o cardeal Quiroga Palacios, institúe a primeira parroquia da súa diócesis dedicada a San Rosendo. «O cardeal era un galeguista moderado», apunta o actual párroco, Ramón Antelo. E san Rosendo, ademais de bispo e abad, chegou a ser vicerrei da puxante Galicia do século X.

Os primeiros tempos foron precarios. A parroquia de San Rosendo houbo de compartir igrexa coa veciña de San Pedro de Mezonzo. Así chegaron o primeiro bautizo, o primeiro enterro, a primeira voda, protagonizada por dous invidentes. Case un ano máis tarde, a parroquia trasladouse ao baixo do número corenta e seis da rúa San Luís. Os límites da feligresía estendíanse entón máis aló dos Mallos, ata a estación de ferrocarril e a aldea de Vioño. Doce mil feligreses que acudían aos oficios -as nenas, de veo branco; as mulleres, de veo negro-, casábanse e bautizaban aos seus fillos na parroquia. E tamén xogaban partidos de fútbol, viaxaban a Caión, á Toxa ou a Andalucía, ou se disfrazaban de chineses e africanos para celebrar o Domund. As fotografías deixaron inmortalizados estes momentos.

Os anos avanzan, e en 1968, o párroco de San Rosendo desde o súa fundación, Manuel Martínez Boullosa, bendice a primeira pedra das vivendas que marcaban o despegue urbanístico do barrio. O ano anterior, o mesmo sacerdote lamentábase nun escrito do desbordamento da poboación na parroquia, que xa alcanzaba as vinte mil almas. En 1976 a parroquia partiuse en tres: San Luís de Gonzaga levouse a estación de trens; San Benito, a praza de San Vicente. San Rosendo quedouse únicamente co barrio da Sagrada Familia.

A febre urbanística dos anos setenta alumou tamén o proxecto dunha verdadeira igrexa parroquial. Ata entón, a sé foise desprazando dun baixo a outro polas rúas do barrio. A actual nave, na rúa da Sagrada Familia, foi inaugurada en 1989. A súa bendición deixa tamén un rostro coñecido: o de Antonio María Rouco Varela, entón arzobispo de Santiago e actualmente cardeal e arzobispo de Madrid.

Os noventa traen a xubilación de Manuel logo de trinta e sete anos á fronte da parroquia; e a chegada de Ramón, o actual párroco. Excursións a Lourdes e a Santiago, novas obras de teatro, novas vodas e comunións con vestidos moi distintos aos que se gastaban fai medio século. A roda dos anos segue virando imparable en San Rosendo. Para os próximos cincuenta, un desexo. Durante os primeiros tempos da parroquia, presidía o templo unha imaxe de San Rosendo que foi retirada por ser demasiado pequena e hoxe está en mans de particulares. A actual saíu dos talleres do coruñés José Juan.

Agora, a parroquia de San Rosendo quere recuperar a antiga efixie e facela estudar. Din que podería remontarse ao século XII. Este eslabón uniría definitivamente esta nova parroquia co peso dos séculos.

0 Comentarios

Publicar un comentario en la entrada

**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.

Blog Barrio dos Mallos 2012. Template by Dicas Blogger.

|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__|__| TOPO