31/01/07

REUNIÓN DA AA.VV. DOS MALLOS CO CANDIDATO POPULAR

O candidato á Alcaldía da Coruña, Carlos Negreira, reuniuse onte pola mañá con representantes da Asociación de Veciños dos Mallos-Sagrada Familia-Estación dentro da campaña "Los Barrios cuentan".

Ao finalizar a reunión Negreira realizou un balance do desenvolvemento da campaña tras chegar ao ecuador da mesma, este reflexa as inquietudes dos veciños sobre problemas graves como os causados polo tráfico (referidos sobre todo ós atascos e o escaso aparcamento), a preocupación do acceso á vivenda, a tremenda dificultade para entrar e saír da nosa cidade ou a necesidade de mellorar o transporte público urbano(cuns autobuses demasiado caros que van sempre cheos e con poucas frecuencias), entre outras moitas. Temas que o candidato comprometeuse a poñer en marcha con propostas concretas para tratar de buscar solucións como unha das súas prioridades.

Nos Mallos, fronte ás grandes urbanizacións conviven edificios en estado de abandono con humidades e de baixa calidade. O candidato popular defendeu a urxencia de pasar das palabras aos feitos e a rehabilitación deixe de ser un privilexio do que só se benefician uns poucos, mediante un Plan Integral de Rehabilitación que permita axilizar a burocracia á hora de recibir as axudas co obxectivo de recuperar o tempo perdido. Isto, según o candidato, debe ser una prioridade.

En canto á seguridade, Negreira destacou que desde o pasado 14 de decembro producíronse na nosa cidade máis de 200 denuncias por roubo e 8 atracos a man armada, o que vén demostrar que é necesario reforzar a presenzas policial na cidade.
Apostou ante os veciños por recuperar a figura do Policía de Barrio como unha medida para incrementar e reforzar a seguridade.

En canto ao tráfico, Negreira apostou polo metro lixeiro e o transporte metropolitano e por acelerar a construción da Terceira Ronda e a Vía Ártabra como o obxectivo ao que deben dirixirse os esforzos, para que entrar e saír da cidade deixe de ser un auténtico suplicio a proba de só de condutores pacientes.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños dos Mallos, Eduardo Souto, suscitou ao candidato popular un ambicioso proxecto de urbanización que afectaría á primeira e segunda fase da Sagrada Familia, e que tería como obxectivo reordenar de novo toda a zona cun proxecto consensuado cos veciños, prudente e cunha planificación creíble. Estaría de acordo na construcción de novos edificios modernos sempre que incluísen mellorar os servicios do barrio como garaxes e locais comerciais. En opinión do responsable vecinal, as axudas propostas polo Concello para a Sagrada Familia son positivas pero supoñen un parche que non soluciona os problemas estructurais da zona.

0 Comentarios

Publicar un comentario en la entrada

**ATENCIÓN: Aqueles comentarios que non se axusten ás NORMAS de Participación non serán publicados.

Blog Barrio dos Mallos © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO